Un tema e un tema #7: Dúbidas e “En el océano” de Aries

isaaltaaries

Despois de ter esta idea atopei que había un programa do Theme Time Radio Hour de Bob Dylan sobre preguntas que podería ter relación, pero bueno, como isto é bastante autobiográfico tampouco é que se pareza en nada. Desta vez pinchei “Leire Martínez/Paseamos xuntos” de Emilio José, “Qué puedo hacer” de Los Planetas, “¿Y cómo es el?” de José Luis Perales, “What’s Love Got to Do With It” de Tina Turner, “Will You Still Love Me Tomorrow” das Shirelles, “Is That All There Is?” de Peggy Lee, “E agora que?” dos Resentidos, “Navajero” de Vietnam, “Coches abandonados” de Dois e “En el océano” de Aries, que vai enteira ao final do enlace de Soundcloud.

Hoxe quería falar das dúbidas. Estiven un tempo dándolle voltas ao asunto e inventeime a conclusión de que a canción é unha forma na que é máis fácil afirmar cousas rotundamente que facer preguntas, ou que cuestionarse a un mesmo. Pero claro… entráronme dúbidas a min tamén! Porque a verdade é que é unha afirmación arbitraria da que non estou seguro. Porque non tardaron en ocorrérseme algunhas cancións que falan de dúbidas, aínda que case todas eran amorosas.

Dentro do asunto do amor é bastante fácil que un narrador se faga preguntas, e ás veces preguntas retóricas (¿Y quién es el?, How deep is your love?, Why does love got to be so sad?, Will you still love me tomorrow?) E no medio de todo isto din con “Is that all there is?”, que me parece unha pregunta moito máis interesante. Iso é todo?

Na canción, Peggy Lee canta sobre a decepción que lle supoñen as cousas que debían ser fantásticas, excitantes, experiencias únicas. Non só o amor, senón tamén un incendio que converteu a súa casa en cinzas, e tamén a primeira vez que foi ao circo, e tamén, para acabar, a propia idea da morte. E interésanme esas dúbidas que veñen despois da decepción, que veñen despois dunhas expectativas que non se cumpren.

A dúbida existencial que cantaban os Resentidos en “E agora que?” é a que máis escoito ao meu redor, entre amigos ben estudiados con traballos precarios ou emigrados porque parecía a opción menos mala. Ao final, o problema acaba sendo o mesmo para os que fan o que se supón que teñen que facer que para os que non saben moi ben que facer: o tempo pasa e hai unha presión que nos di, ao facernos maiores, que chegado un punto teremos que ternos convertido nalgo. Pero sempre somos algo.

Xusto a semana pasada lía a Sylvia Plath falar do mesmo coa metáfora dunha figueira: “Quería todos e cada un dos figos, pero escoller un significaba perder todos os demais. E mentres sentei aló, incapaz de decidirme, os figos comezaron a apodrecer, volverse negros e caer un por un ao chan diante dos meus pés”. Sexa na vida ou nas cancións, nas películas ou nos libros, paso media vida escoitando xente que fala sobre ese proceso de escoller e construír a súa identidade. Escoito fascinado as mesmas cousas unha e outra vez, pero logo nunca saco unha solución aos problemas: están o agobio e a amargura de ter que renunciar a unhas cousas para conseguir outras, pero tamén a xente que se volve cínica e a que busca algo máis grande ao que pertencer para atopar respostas. Unha relixión, unha tribu urbana, unha escena musical ou unha banda callejera.

O que me pregunto é se algún día isto deixará de interesarme. E, se iso sucede, que é o que vai significar para min. Ao mellor é que madurei e por fin me convertín nun pureta e podo afirmar cousas como se as soubera. Pero por agora sinto unha mezcla de envexa e desprecio pola xente que parece que o ten todo claro, porque é a que logo fixa as expectativas. A xente que dubida sufre, pero ser crítico e facerse preguntas debería ter un premio. Non o de chegar a un sitio, senón o do propio camiño. Así que quería celebrar iso e escoller un tema para quen non teña claro o seu sitio, porque a música ás veces pode ser unha certeza á que agarrarse. Moitas veces penso que o último disco de Aries vai precisamente de buscar eses puntos de apoio en cousas como as cancións ou a natureza. E precisamente nun tema que se chama “En el océano” atopei a dúbida máis inesgotable de todas: “Ha cambiado todo o he cambiado yo?”.

Un comentario en “Un tema e un tema #7: Dúbidas e “En el océano” de Aries”

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s