Entrevista a Vietnam

vietnam-por-xavier-casanueva
Foto de Xavier Casanueva

Vietnam son un dos grupos aos que máis próximo me sinto, especialmente no que facemos en Monstruo. Non tanto por cuestións musicais como por unha especie de visión do que facer cancións debería representar. Aínda que iso se traslada a como compoñen, como tocan, como escriben ou como se comportan. Admiro moito a tensión que hai nos seus temas, e que pode que vaia notarse máis no seguinte disco que graven, con máis teclados, máis bailable e máis pop pero sen que se pareza ao que podes pensar se les isto: é un son ao mesmo tempo rotundo, preciso ao milímetro e difuso, aberto. É parecido ás contradicións que relatan e que se parecen ás que sinto eu: “El silencio no fabrica mayorías de ninguna opinión, no mancillen el silencio, es precioso el silencio”. “Cuando camino siento un peso sobre mí, tengo el suelo por las rodillas, tú caminas sin alterarlo, es imposible escucharlo”. “Era que nacer te garantizaba vivir, pero solo te asegura el derecho a dormir en un cajero, a veces hasta hay quien pasa del suelo hacia abajo”. “Mientras no sabes que eres no es que no seas nada, eres cosas que no sabes hasta que dejes de serlas, o eso crees”.

Vietnam teñen unha cualidade no seu sonido que permite afundirse moitísimo. Aínda que logo as cancións duren pouco, todo parece unha acumulación de capas de música da que non podes saír, que non se sabe cando comezou nin cando acabará. A última vez que os vin en directo o grupo ao que máis me recordou foi aos Grateful Dead, pero cambiando o optimismo e as harmonías por unha desesperanza profunda e fría. Non sei, imaxes así de rúas escuras, esquinas perigosas, volver á casa só nunha cidade grande e escoitar unha voz na cabeza que sabe máis ca ti. Vietnam son un pouco esa voz que che di o que ti te negas, faino con seriedade e serenidade. Hai en todo unha beleza inquietante e unha potencia enorme, que se notará máis cando por fin saquen Prevención para los niños, que é unha marabilla. Antes van sacar nunha coedición Porno/Seara un split con Monstruo, pero por iso non lles preguntei por fuxir do autobombo.

– Como estruturades os temas? Parece que fuxen moito das estruturas convencionais de canción, de estrofa-estribillo e centradas en apoiar a parte vocal. Creo que acentuastes iso aquí con respecto ás vosas gravacións anteriores.

Normalmente construimos a estructuras a partir de diferentes pedazos que xa surxiran nalgunha improvisación ou en casa, e logo imos dándolle forma, coma un puzzle moldeable. Pode que antes estiveran menos elaboradas no local e máis na casa; ó principio só tocábamos un tema se viña medio rematado, agora a construcción da estructura é moi flexible e varía co tempo, hai temas en mutación constante.

– En relación a iso, como pensades as melodías de voz? Adaptades as letras a estas ou ao revés? Digoo porque varía bastante o tamaño das letras, que ás veces son simplemente dúas palabras e ás veces son bastantes liñas, así que pensei que podía ser que puxerades máis ou menos voz en función do que pedía a letra.

Sí, estás no certo. Ás veces so soltamos un par de ideas explícitas, e outras, se o tema a tratar é mais complicado a letra é mais abstracta polo que metemos mais contido e polo tanto mais voz, e non nos plantexamos usar ‘la,la,la’ e cousas destas. Dende logo non usamos a voz coma un instrumento máis, polo de agora.

– O disco faime perder a noción do tempo, e creo que sucede porque aínda que os temas sexan breves as estruturas son repetitivas e os que teñen máis voz están sobre todo cara o inicio, así que dá a sensación de irte afundido cada vez máis. Planteastesvos algún concepto ou intención antes de facer os temas?

Algo así. Cando decidimos comezar a facer temas para o disco xa tiñamos catro ou cinco que iban nunha liña temática e sonora común, e un deles titulabase ‘Prevención para los niños’. Esa idea pareceunos atractiva, coma traer o ‘non futuro’ directamente ó presente, e o resto de temas xurdiron seguindo iso. Pola parte da música xurdiu de maneira máis natural, por exemplo, a segunda parte do disco comeza cunha triloxía instrumental dedicada a tres actrices e deixamos a voz de lado recuperando mais o rollo de crear atmósferas e rompélas dalgunha maneira, e iso e algo que nace de improvisar nos ensaios.

– Con respecto a esa sensación de atrape, creo que tamén cambiou un pouco o feito de que segue habendo no que facedes un ruido constante no ambiente pero o que facedes vós sona moito menos caótico, máis conciso, como unha violencia con menos descontrol. Creo que se nota en que usades ritmos e riffs máis cortantes e con rítmicas algo máis complicadas. Queríades camiñar cara iso?

Sí, queríamos entrar en ritmos a contrapé, compases cortos e contrastes máis fortes. Cando eramos catro dábamos mais importancia as atmósferas e o pasar a ser tres propuxemonos cousas mais complicadas para mellorar no aspecto técnico. Antes era todo moi desquiciado, agora soa coma se tomásemos a nosa medicina todolos días.

– As letras quedan moi afogadas na mezcla, pero en xeral cando as pillo danme no disco unha sensación como de estar falando de alienación. Son cousas duras e escuras pero non noto tanta desesperación e urxencia combativa como pasa moitas veces no punk (e por exemplo si que a vía máis nalgún tema dos de antes como “Liska”), senon máis ben unha especie de serenidade estraña, de aceptación que se transmite incluso na interpretación: estoy cansado, banderas por la televisión, ya no entiendo las circunstancias ajenas, morir de pie… A parte máis rabiosa queda menos presente. Buscabades tomar ese punto de vista? Pensades os temas sobre os que escribir ou son espontáneos?

A verdade é que non foi buscado, o ton das letras cambiou de maneira natural e paralelo ós nosos pensamentos e sensacións. O ton combativo do principio, e do punk en xeral gústanos, pero en determinados contextos pode soar coma se un mesmo comezase a guerra en solitario ou desesperado. Agora supoñemos que vemos todo dende un punto máis comedido pero igual de doloroso, con certas cousas da vida asumidas. Non quere dicir que baixemos a guardia con respecto á sociedade ou ó que nos rodea pero cando ves que escandalizarse non sirve para cambiar as cousas tes que probar outras fórmulas, porque senon acabas caendo no bucle que o sistema pretende. E os temas sobre os que escribimos están nas nosas rutinas e nos nosos problemas diarios así que non fai falla pensalo moito.

– Dentro de todo iso, tenme sentido que o título sexa Prevención para los niños, porque ao final estades falando dun contexto presente moi jodido e ao falar dos nenos apuntades cara o futuro. Ía por aí o concepto do disco? Como relacionades os temas das letras coa música?

Cando somos nenos todos aprendemos sobre a historia da humanidade e ninguén nos ensina as consecuencias. A medida que medras e te percatas de que a historia é cíclica sinteste enganado, e aí podes elixir: ou deixarte levar, ou non conformarte. E o problema é que estamos educados para deixarnos levar, e incluso dentro de todo inconformista hai un pequeno conformista. Isto fai que todos os problemas remitan ó mesmo erro: a merda de educación que temos. E non falamos de agora soamente, falamos tamén do pasado. A única maneira de construir sociedades autosuficientes é educalas honestamente, cunha ética que priorice os dereitos humans e non a Marca España. Así que cando dicimos prevención para os nenos estamos a dicir ‘educación’.

– Conservades algunhas cancións que xa están editadas no Amanecer EP e no split cos Locos Hongos. Por que, e por que esas? Que cambios notades entre os temas vellos e os novos?

Eliximos regrabalas porque seguían presentes nos nosos directos. Ademáis, melloraban co paso do tempo, polo que considerabamos que merecían ser rexistradas de novo coma realmente soaban. A diferencia é moi grande en todolos aspectos con respecto ós temas novos pero non nos importa que se note porque teñen a frescura de cando comezas e non sabes que estás a facer, e agora case que os tocamos para disfrute propio.

– Daquela erades catro membros. Como cambiastes o enfoque ao ser tres?

Comezamos a tocar máis cerca uns dos outros porque tiñamos frío. Partimos case de cero, adaptamos os temas vellos o mais rápido que puidemos e á hora de traballar ó novo tivemos que elaborar mais cada instrumento por separado, digamos que cando eramos catro podíamos permitirnos facer todo mais guarro e imperfecto porque había máis capas de son.

– Hai algunha limitación ou frustración no que facedes (técnica ou de calquera outra cousa do contexto) que afecte á vosa música?

Nada que nos impida seguir igual. Ás veces a falta de cartos sí que influe para poñer en práctica ideas, pero seguimos adiante coma sexa. A falta de tempo tamén, pero coma calquer banda sacas de onde sexa. Pero nada que afecte directamente á música, cando facemos música é no local, e aí olvidamos todo.

– Creo que a produción axuda moito á contundencia do disco. Lin en Tremendo Garaje que gravastes por separado cada instrumento e despois as voces. Preferides isto a gravar todos á vez?

En realidade gústanos mais grabar todos á vez, é o mellor para a excecución xa que non respetamos moito os tempos das cancións e poden cambiar un pouco según o día, pero esta vez sacrificamos a execución polo son. Ademáis eran os primeiros días de vida de Favela Estudios e non podíamos perdernos en experimentos, agora están a tope xa se pode grabar aí a de dios.

– Tamén me gusta moito a maneira na que fai que todo sone espacioso, faino máis real dalgunha maneira e recórdame ao voso directo, igual que me pasa coa orde dos temas. Que diferenciasvos planteades entre gravación e directo?

Poucas, de feito o que dis dos temas vai un pouco por ahí, a orde é similar á dos últimos concertos. Non nos plantexamos diferenciar o directo da grabación demasiado para non perder ese efecto apisonadora, pero escoitando agora o disco pode que pedise algo menos traballado e máis cavernario.

– Editastes esta primeira tirada do disco en cassette, igual que as vosas edicións anteriores. Por que?

Porque xurdiu a posibilidade e por ser o formato co que nacemos. Nós non tiñamos ningunha intención de facelo, pero gracias a Jose A. Guerrero de Tremendo Garaje os temas chegaron a oídos de Gus Stephens, o tipo que leva o selo escocés Number4Door. Propúxonos facer una tirada limitida e aceptamos no momento, non había nada que cuestionar e era unha maneira de levar o disco máis lonxe que aquí non nos fan puto caso.

– Que opinades do formato? A min ás veces frústrame un pouco porque moita xente non ten pletina e acaba valorándose o fetiche do obxecto por riba da música.

Iso xa depende de cada un, a maioría dos grupos de hoxe en día ofrecen a posibilidade de descargar ou escoitar online a sua música así que o que merca o cassette faino por apoyar á banda. Máis que nada porque moitas veces os cassettes presentan erros ou grabacións pilladas con pinzas e aínda que o merques acabas escoitandóo no bandcamp, así que pensamos que a parte de coleccionismo é un xesto de apoyo, porque se o tes na estantería para ensinalo es idiota, e máis se é de Vietnam.

– Planeades unha edición en vinilo. Que tal vai? [NOTA: nunca saíu adiante e remataron por montar un selo propio, Muito Fish, co que editaron outro cassette].

Levamos uns meses a voltas co tema e agora comezamos a vislumbrar posibilidades, foi complicado e cadrou nun momento no que a metade dos selos non teñen pasta e a outra metade teñen tanto curro que non dan para máis, pero esperamos ter boas novas antes de que remate o ano.

– Cal credes que debería ser a relación entre música (ou arte en xeral) e diñeiro? Xa que formades parte dun colectivo de autoedición como a Seara, a que problemas vos enfrontades nese sentido? (Editar, tocar, ter que vivir de algo, etc.)

Nós regalaríamos o arte en xeral e máis a música, porque non encontramos relación lóxica entre arte e diñeiro xa que non somos capaces de velo coma un traballo. Un artista pode pasar horas traballando nunha obra pero se vive diso o que precisa son resultados, e nese momento xa non é o único dono do que crea, ten que facer concesións. E cando cobra cree que lle están pagando o seu esforzo cando o que fan e comprar o seu tempo. Pero entendemos e respetamos a quen pense o contrario porque regalar o arte so sería posible se tivesemos unha renta básica para non morrer de fame. Nós somos partidarios de gañar para recuperar e poder seguir adiante, nunca sacamos beneficio propiamente dito precisamente para manter o grupo vivo, igual que fan Seara e moitos colectivos deste tipo.

– Vivides en Barcelona pero ningún dos tres é de aí. Que diferencias atopades con tocar nesa cidade e noutra? (Especialmente polo tema de ser unha cidade grande).

As dificultades son as mesmas que nunha cidade pequena: os alquileres das salas, os amiguismos, a falta de recursos económicos, a falta de público… Onde cambia a cousa é nas alternativas. Unha cidade pequena en tempos de crise deixa mais opcións ó baleiro total, e polo tanto a que aparezan alternativas reais que beneficien por igual ó artista, ó intermediario e ó público, e non só a unha parte. En cambio nunha cidade coas características de Barcelona parece que todo segue cara adiante e se non subes a ese tren vas esperar moito polo seguinte, porque as alternativas son mais tímidas e parece que cada cousa ten o seu sitio demasiado demarcado. E as poucas que hai son barridas polo Ajuntament ou veciños fanáticos do silencio. Na nosa opinión no primeiro caso a xente ten a opción de adaptar o contexto ós seus intereses mentres que no segundo é o contexto o que marca os intereses das persoas na maioría dos casos.

Un comentario en “Entrevista a Vietnam”

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s