Un tema e un tema #5: Pinchadiscos e “Pánico (merda de Dj)” de Fanny + Alexander

Fanny_+_Alexander.jpg

Supoño que paso bastante tempo buscando cancións que me importen tanto como podía importarme unha canción con quince anos, pero como tampouco quero caer na nostalxia porque me parece que pode ser paralizante e un inicio de puretismo tento expoñer o que aprendo co paso do tempo e que compensa a paixón militante da adolescencia. Principalmente, fuxir dos prexuízos. Aquí tamén quería falar de como a música pode servir para dividir á xente pola noite. Fixen un artigo hai tempo que trata tamén dos meus amigos e saír e o rock pero deriva cara a renda social básica (?).

Pinchei “Marquee Moon” de Television, “Perlas ensangrentadas” de Alaska y Dinarama, “Disco Pocho” de Derribos Arias, “Mr. Brightside” de The Killers, “Problem” de Ariana Grande, “Helio” dos Telephones Rouges e, completa ao final, “Pánico (merda de DJ)”, a versión que Fanny + Alexander fixeron dos Smiths e coa que me identifico ao cen por cen.

As primeiras veces que saín de noite os meus amigos e eu iamos a un sitio na Coruña no que poñían música guai. Non bebíamos nin bailábamos pero tiña sentido porque estábamos nun sitio no que nunca se nos ocorrera que fósemos poder estar. Aínda teño na cabeza unha vez que sonou enteira “Marquee Moon” e a xente saíu bailala e era como a xente que máis molara nunca, e nós podíamos miralos dende unha esquina, contorsionándose, seducíndose ou o que fora. Daquela pensei que debía ser a ostia poder decidir as cancións que sonan e controlar con elas o movemento da xente.

Máis adiante coñecín un pinchadiscos que me dixo que poñía “Marquee Moon” para ir fumar un cigarro con calma. Supoño que a cada quen as cancións sérvenlle para unha cousa diferente. Co tempo tamén me din conta de que a maioría dos meus amigos non pensaban que para uns adolescentes fose guai estar mirando bailar a uns tipos de vinte e pico. A eles aquel momento, con aquela canción, non lles servía para nada máis que sentirse fóra de lugar. Agora nós somos eses tipos e estou seguro de que vernos bailar “Marquee Moon” debe ser bastante lamentable. Pero algunhas veces puiden pinchar nalgún bar e fíxeno imaxinando que nalgún punto habería algún momento épico como aquel. Un momento no que alguén sentiría algunha euforia, algunha conexión máxica co que estaba sonando e coa xente coa que estaba, entre eles eu. Quería sentir o poder de poñerlle banda sonora á vida da xente.

Pero fracasei estrepitosamente, claro. A primeira idea foi poñer os meus temas favoritos, pero o que é un éxito bailable nas nosas cabezas non ten por que selo nas de ninguén máis. Ademais, cada quen vai aos bares para unha cousa diferente, e pouca xente comparte o meu sentido da épica. Nalgunha época discutía cos mesmos amigos porque querían ir todas as semanas a un pub no que poñían as mesmas cancións da semana anterior, que xa coñecían porque eran as que escoitaban na casa. Para min unha boa pinchada tiña máis que ver co descubrimento que co ritual de saber o que ía vir. Pero bueno, daquela tamén era bastante rancio e pensaba que non había nada que rascar nas listas de éxitos, e a discusión podía vir de aí.

No fondo, é a mesma discusión que a que hai sobre quen pon a música cando fas unha festa na casa. Eu sempre vou sentir, a algunha hora, a necesidade de que sone X canción, porque sería perfecta para ese momento e porque serviría para que a xente me entendera mellor. É unha afirmación que di: “Eu son a clase de persoa que quere que sone isto aquí e agora! Esta canción fala de min!” Pero logo daste conta de que podes acabar simplemente dicíndolle á xente que ten que ser coma ti e ter o teu gusto. Poñer música en público é algo que tes que facer para os demais, e o equilibrio imposible está en conseguir dicir algo de ti mesmo mentres o fas. Pero tendo a mente aberta non debería ser tan complicado: o mundo está cheo de éxitos fantásticos, e hai algúns que a xente non lembra ou que a xente aínda non coñece. O mundo está cheo de música de baile apaixonada e divertida que, no mellor dos casos, di algo sobre ti e sobre nós. No peor dos casos, alguén pode vir meterche, por papán. Porque a cada quen as cancións sérvenlle para unha cousa diferente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s