Un tema e un tema #4: PORNO e “O que faz falta”, de José Afonso

zeca.jpg

Os meus pais tiñan na casa algúns LPs de antes de nacer eu. O tocadiscos pasou tranquilamente dez anos estropeado e sen utilizar, pero logo ao recuperalo deilles unha escoita a case todos os discos que alí había. Os de miña nai eran máis modernos e moitos convertéronse en favoritos meus: “Tierra para bailar” de Radio Futura, o recopilatorio “Semilla del son”, “Here today, tomorrow next week” dos Sugarcubes. Os de meu pai non me gustaban moito: “Viatge a Itaca” de Lluis Llach, cousas de Mike Oldfield, Milladoiro… no medio estaba un disco de José Afonso cunha portada que me parecía horrible, “Coro dos tribunais”, e pasei de escoitalo pensando que sería algo rollo cantautor pesado. Logo saín do meu erro cando me aficionei un pouco á canción protesta: Zeca Afonso é un compositor incrible no musical e no lírico. A súa maneira de introducir a política no que canta sen dar leccións, pero parecendo sabio, é un equilibrio que poucas veces se atopa. Pareceume inspiradora e conecteina con esta especie de balance do que pasara con PORNO, que serviu para moitas cousas pero en xeral foi unha iniciativa estéril ao lado das ambicións que eu tiña volcadas.

Ademais de “O que faz falta”, que vai completa ao final do clip, pinchei “Bocio” de Vozzyow, “Cadera de color” de Monstruo, “Sí, soy la primera” de Avecrem, “Hikikomori” de Uzumaki e “Navajero” de Vietnam.

Hai unhas semanas anunciamos que PORNO xa non existía máis. PORNO fomos un colectivo de acción cultural que fracasou, e ademais fracasou sen ningún estrépito. Causou unha influencia mínima, non consolidou ningunha estrutura nin ningún método de traballo e rematou sendo unha cousa intrascendente, que era o contrario do que algúns pretendiamos que fose. Vendimos máis camisetas que discos.

Tamén é certo que poderíamos pensalo ao revés, e dicir que PORNO foi un éxito: fixo aparecer moitas cousas onde non había nada, e a moitos dos que militamos alí serviunos para ver que a capacidade que temos de facer que algo suceda é moito máis grande do que pensamos. Pasamos de non pensar a pensar, de non discutir a discutir, de non crear a crear. Iso debe ser unha cousa trascendente, crucial. Pero quero facer o esforzo de pensar dende fóra da miña perspectiva para sacar todas as leccións que poda. O ideal sería que esa trascendencia fose o menos privada posible, e iso non o conseguimos.

Ao mínimo que miras dende máis lonxe ves que os proxectos culturais independentes en Galicia teñen normalmente moi pouca duración e moi pouca repercusión. Por que pasa iso? Supoño que por mor de varios motivos que se alimentan entre sí. Incapacidade económica de espazos, colectivos e artistas. Inestabilidade xurídica e descoñecemento das leis. Problemas para atraer ao público, falta de experiencia, falta de cooperación, curtopracismo. Cada pouco tempo, algún proxecto morre ou está a punto de facelo: acaba de pasar co Charenton, case pasa co Liceo Mutante, pasou coa Casa das Atochas. Aí lamentámonos e queixámonos porque algúns perdimos algo inspirador. Nace ao pouco un proxecto novo e volve repetirse o ciclo sumando a enerxía dos últimos que se sentiron inspirados e quitando as dos que están cansos.

Eu non quero repetir o ciclo. É máis, non quero que haxa un ciclo que repetir. A sensación de que todo o bo que poida estar pasando está sempre a punto de desmoronarse é desalentadora, máis aló do romanticismo que hai na idea dunha cultura de resistencia heroica. Como se amañan tantos problemas? Non o sei, pero teño a sensación de que non se amañan un por un, e de que moitos teñen que ver coa xestión pública. Propoñer un modelo cultural para todo o país sería enormemente complexo, pero simplemente tentalo sería un avance marabilloso, porque terían que aparecer ideas globais. E para iso fai falta seguramente que os axentes culturais que haxa, do ámbito que sexan, participen de espazos colectivos, transversais, dende os que consensuar posturas e demandar cousas en conxunto. Fai falta tamén que cada creador desenvolva o seu punto de vista sobre cuestións de interese xeral: como adecuar as normativas laborais aos artistas, como xestionar os dereitos de autor, como deben funcionar os medios públicos, se se debe apoiar a profesionalización e consolidación dunha industria cultural ou unha creatividade amateur universal…

É complicado esixir isto a xente e proxectos que xa teñen dabondo con sobrevivir, pero a longo prazo pode implicar ter que deixar de preocuparse pola supervivencia. Pode ser que eses espazos transversais onde debatir xa existan nalgún caso, ou pode ser que existan espazos coa capacidade de selo se hai unha implicación xeralizada. En todo caso, os maiores inimigos (como de calquera cousa) son a preguiza e o individualismo. Por iso quería saltarme, só por unha vez, a idea de pinchar só temas galegos e poñer unha canción que acaba con todo iso. A min sérveme para sobrepoñerme á tentación permanente de quedar no sofá ou de mirarme o embigo: “O que faz falta”, de José Afonso.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s