Amigos para siempre

gaudi

Isto é un artigo de 2014 sobre os meus amigos, o Guitar Hero e o rock and roll que lle pedín que ilustrara a Gaudi (podedes ver o seu traballo no Tumblr de El Gaudo), porque é o meu amigo e viviu as mesmas cousas ca min. Os nosos hábitos ao saír cambiaron dende que escribín isto, e ás veces imos xuntos ao karaoke Sitio Distinto de Santa Cristina, onde unha vez cantamos “Hey Jude”, que aquí digo que é un tema que querería non volver oír nunca.

Hoxe quedei para xogar ao Guitar Hero cos meus amigos do instituto. Cando apareceu aquel xogo ilusioneime moito porque pensei que podería gañalos para a causa do rock and roll. A todos lles encantou e chegamos a gañar un concurso na Fnac xogando por equipos. Eu co xogo descubrín a Blue Oyster Cult ou Cheap Trick, e así eles escoitaron a At The Drive-In ou a Sonic Youth (aínda que “Kool Thing” lles parecía claramente unha puta merda), que se fora por insistir eu non me terían feito caso. Daquela eramos uns pringaos. Apenas bebíamos nin tomabamos drogas nin tiñamos moza e ademais sacabamos boas notas. Recordo preguntarme que ía mal cando vin que o estado do messenger dun da miña clase poñía “Si no fumas, ni bebes, ni follas, ¿para que vives, gilipollas? Sei que era un estado de messenger, pero parecíame preocupante que esa puidese ser a norma pola que íamos vivir o resto das nosas vidas. Pero bah, tampouco hai problema, máis ou menos eramos felices porque as cousas eran máis simples e nos críamos máis listos que os demais. Un deles díxome unha vez que el era feliz escoitando El Larguero e xogando á Play ata a primeira vez que se namorou e aí xa se torceu a cousa. Antes non necesitaba outra cousa. A min sempre me molou o do amor platónico e tiven varios pero dábame vergonza dicirllo a ninguén. Pero ao principio era feliz por telos e despois, cando o confesei, era feliz por poder falar diso, era moi emocionante.

Cando empezamos a saír pola noite non era exactamente divertido. Era raro, porque non sabiamos moi ben onde ir. Os rockeros presionabamos por ir ao Rock and Roll, un sitio que xa non existe no que penso que a primeira vez que entrei había un grupo de xente como moi guai bailando “Marquee Moon”. Ese era o sitio no que eu quería estar, pero á maioría aquelo só lles parecían temazos se eran os do Guitar Hero. Un día atopáronse co que daquela tocaba a guitarra no meu grupo e díxolles que o rock and roll estaba ben pero que a el para saír o que lle gustaba era Chayanne. El si que bebía e tiña moza. Máis ou menos eramos felices pero dalgunha maneira intuíamos que molar era mellor que non molar. Así que pouco a pouco todo tivo que ir equilibrándose e desequilibrándonos. Empezaron a beber vodka negro (eu tardei bastante máis), e algúns a ter moza, e logo empezamos a universidade e alí coñecín xente á que lle gustaba máis o mesmo que a min e daquela pareceume moi importante ter amigos que tiveran gustos parecidos aos meus. E aínda así ás veces había unha decepción cando unha película nova chegaba a importarme de verdade e esas almas xemelas non o compartían.

Ás veces as palabras non chegan para explicar as emocións fortes e as paixóns: cando che gustan non sei, Dead Moon e á xente lle parece unha maqueta dos veciños e o único que se che ocorre é berrar ou poñerte triste. Cando as palabras non chegan é fantástico porque perdes o control da situación, e ao mesmo tempo é frustrante porque perdes o control da situación, claro. É frustrante non atopar a maneira de dicir como te sintes, porque non podes máis que intuir se alguén te entende. As miñas cancións favoritas serven para dicir o que non sabes dicir, e quizais sexa máis importante dar con xente que sinte iso polas súas que dar con xente que teña as mesmas cancións favoritas. Pero claro, iso é aínda máis difícil de saber porque as palabras son unha merda pero a comunicación por outros medios é moito menos concreta. Levo anos traballando na maneira de conseguir que o que eu sinto polas películas e as cancións poida ser algo obxectivo. Ou ao mellor só busco a maneira de explicarme, e por iso me interesan especialmente os músicos que se explican. Patti Smith escribía sobre música e logo fixo música marabillosa sobre outra música ou outras artes, Baudelaire ou Pollock ou Kurt Cobain ou Roberto Bolaño. Cando vin a Patti en Vigo cantou “People Who Died” de Jim Carroll e era un homenaxe a un artista que amaba, a un amigo que quería e ao mesmo tempo era un rock and roll que se podía bailar. Cando unha canción se sinte no corazón e nas pernas…

Empecei a beber e a ter moza máis ou menos ao mesmo tempo, e despois a ignorar o dos gustos. Que che gusten os Pixies non quita que poidas ser un capullo ou mala xente, pensei. Cando veño á Coruña normalmente saio cos mesmos amigos do instituto, e teño que decidir entre estar con eles ou ir aos sitios que me apeteza. Dende que empezaramos a saír sempre houbo discusións intensas, escisións, incorporacións ao grupo, uns dicindo que van a un sitio e outros a outro. Ultimamente imos beber aos floreiros (algúns traen a bebida da casa e outros mercan litros) e cando xa é tarde imos ao Grietax. Isto dende hai como dous anos. Antes iamos ao Indian ata que pechou.

O problema que teño con ir ao Grietax é o mesmo que pode ter calquera, igual que cando escoitas a radio e non tes ningún poder para cambialo. Hai alguén que non sabes quen é e está decindo por ti o que che entra polas orellas. E para min a música é demasiado importante como para deixalo en mans dun descoñecido. Eu cánsome pronto das cancións, incluso das boas. Non podo queimalas, necesito algo novo, porque o que se repite deixa de ser igual de excitante. Entón pasa ás veces que me agobio, porque escoitei o tema ese de Lori Meyers moitas máis veces das que querería e é tempo, e o tempo acábase. Saber que o tempo pasa, saber que un día vou morrer e terei escoitado moito máis a Lori Meyers que a Fela Kuti preocúpame. Agóbiame a sensación de que temos un tempo tan limitado e tantas cousas por facer e cambiar… odio perder o tempo e odio que ninguén me entenda cando me queixo por ir sempre ao mesmo sitio sabendo que van pinchar o mesmo que a semana anterior. É posible ter amigos con gustos distintos? Pois claro, e é unha estupidez que eu diga iso porque se estou con eles non estou perdendo o tempo.

Para que serven os amigos? A min sérvenme sobre todo para falar e escoitar, e por iso á mínima que podo estou na porta dos pubs falando con algún dos que fuma aínda que eu non sei fumar. Tamén había unha canción que falaba de amigos de mirar, e logo estaba pensando en que podería haber unha categoría de amigos de bailar. Xente coa que conectas a través da música, xente que sintes no corazón e nas pernas… Eu tardei moitos anos en bailar porque me daba vergonza e son moi descoordinado, pero ao final acabei atopando a miña maneira. Bailar é liberador, como o sexo, e agora vou comparar un pouco as dúas cousas. Cando consigo soltarme provoco vergonza e risa na xente que me rodea pero dame igual. Se consigo soltarme no sexo e provoco vergonza e risa na miña parella ao mellor doeme un pouco no amor propio. Seguramente o mellor sexo se pareza ao mellor baile, que non son os bailes de salón cheos de normas e presión, senon os bailes nos que parece que pode pasar calquera cousa e todo o mundo fai o que se lle pasa pola cabeza pero van ao mesmo tempo. Nas secuencias de discoteca das películas a xente ten que bailar sen música: hai xente que vai pola vida así.

Hai moita música coa que me gusta bailar, música rítmica, música negra, música latina, e non a atopo normalmente nos sitios aos que a xente vai bailar. Algúns días bailei moito no Kirsch en Ourense e fun moi feliz aínda que é porque non son de alí e entón non era consciente de que eran os mesmos temas que a semana anterior. O problema non é se a música que poñen é boa ou mala, porque no Grietax poñen sempre unha canción marabillosa de Azaelia Banks. Tampouco quero volver a escoitar “Hey Jude” nin “Smells Like Teen Spirit”. O problema é a sensación marabillosa da primeira vez das cousas. A primeira vez que escoitas unha canción pode estar bastante separada da primeira vez que a escoitas de verdade, cando tes a sensación de revelación, que pode ser cando entra un solo de guitarra ou cando te das conta de que estás vivindo dentro dun ritmo, que che inundou as venas. É un pouco enfermizo que o corpo me pida esa capacidade para olvidar o suficiente como para que algo volva ser novo. Ás veces necesitas pasar un tempo sen pensar en algo ou en alguén para darte conta en canto o ves de que é indispensable, e se non o é pois tampouco hai que forzalo. Todo é unha cuestión de tempo, a música agora está en todas partes e a todas horas e é cada vez menos importante.

Como todo é tempo, preocúpame medrar. Preocúpame que agora que as cousas son máis complicadas porque non podemos seguir xogando á Play e indo a clase non saibamos usar o noso tempo. É difícil ter traballo, pero non ter traballo implica ter amargura e tempo, e entón implica a responsabilidade de invertir as dúas cousas nalgo creativo e excitante e seguramente logo acabe sendo perigoso. Lin nunha entrevista a Javier Krahe que non podíamos esquecer que traballar é malo, e Paul Lafargue, o xenro de Marx, escribiu “El derecho a la pereza” e viña a dicir que sería mellor limitar as xornadas de traballo a catro horas. Así os postos de traballo, se son de oito horas, multiplicaríanse por dous. Se sucede iso, todo o mundo terá traballo e polo tanto non haberá competencia ata o punto de que os patróns poidan permitirse baixar os soldos ata o ridículo. Pero é perigoso que a xente teña tempo libre e creatividade e tempo para un pensamento crítico e que a nosa sociedade deixe de basearse na competitividade e a produtividade, que inundan o pensamento e o sentimento ata límites excesivos.

Penso que calquera seguidor do rock and roll debería defender a renda social básica porque vén sendo un pouco unha extensión dese pensamento de Lafargue e sería moi bo para a creatividade. Calquera tería, polo feito de ser cidadán, un subsidio equivalente máis ou menos ao salario mínimo. É precario, e polo tanto sería necesario buscar algunha outra fonte de ingresos, pero daría uns ingresos básicos a todo o mundo. Daría dignidade e permitiría precisamente que a xente que ten verdadeiras ansias de expresión artística ou o que sexa puidera adicar a iso, e aos seus amigos, a maioría do seu tempo. Dalgunha maneira fixemos que a arte, que é unha cuestión de tempo, fose tamén unha cuestión de diñeiro e os grupos dos meus amigos xa non se separan por diferencias artísticas senon porque teñen que vivir doutras cousas. O único que temos é tempo que nos rouban, e o que o rock and roll defendeu sempre foi usar o tempo doutra maneira.

Un comentario en “Amigos para siempre”

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s