Un tema e un tema #2: Linguas para cantar e “O son da lingua” dos Resentidos

resentidoas.jpg

Teño certa obsesión co asunto de que lingua empregar para cantar, como se le debaixo. Pregunteille a unha lista bastante grande de grupos por que cantaban en inglés, probablemente en tono de reproche ou con certa superioridade moral outorgada polo feito de estar peneque. Tamén lle preguntei, como indico debaixo, a xente que deixou de cantar en inglés, e, rizando o rizo, a xente angloparlante para que me deran a razón sinalando o absurdo do asunto (véxase o exemplo de Mike Watt). Tentei resumir iso sendo un pouco menos totalitario e incluíndo o punto de vista de Caetano Veloso en “Verdade Tropical”, un libro que me parece moi útil para ler dende a perspectiva dun galego e ver se deixamos de asumir acriticamente o rollo anglófilo.

Os temas que puxen son: “Son de la loma” de Willie Chirino e Roberto Torres, “Isla de Encanta” dos Pixies, “Twilight of the mind” de Puma Pumku, “Lingua” de Caetano Veloso, “A palavra da terra” de Liska e “O son da lingua” dos Resentidos, que está completa ao final do clip de Soundcloud. Todos temazos menos o de Liska, creo.

Hoxe vou falar de linguas para cantar. Nos últimos dous anos estiven facendo entrevistas para a Revista Porno, e unha das miñas obsesións era preguntarlles aos grupos que cantaban en inglés por que o facían. Tamén lles preguntei aos que deixaron de facelo. Isa Aries, por exemplo, díxome algo que se parece bastante ao que vivín cos grupos que tiña no instituto: “Cando empecei a tocar todo o mundo cantaba en inglés. Era unha cousa que nin te planteabas, porque os grupos que cantaban en castelán tiñan como unha aura rancia e non encaixaban na tradición anglosaxona de grupos que nos gustaban.” Seguramente somos vítimas de certo imperialismo cultural, e eu reaccionei a iso. Pasei de crer que cantar en inglés é máis guai a crer que facelo indicaba o que me pasaba a min cando era adolescente: as ganas de imitar referentes tapaban as ganas de dicir algo meu.

Pero hai outras explicacións. Nunha desas entrevistas, Amadeo de Puma Pumku díxome que as letras lle parecían secundarias e que no rock and roll non teñen que entenderse demasiado. Pode ser, pero paréceme moito luxo renunciar ao elemento máis intelixible dunha canción e ao medio máis universal de expresión que temos. Se unha canción é boa, dáche un lugar maravilloso para transmitir as túas ideas e as túas sensacións. A min iso lévame a usar a lingua na que penso, sabendo que é comprensible para a gran maioría de quen vaia escoitalo. A miña nai e a miña avoa non falan inglés: se vou a outro país xa mirarei de traducir as letras. Pero cando escoito a un grupo español cantando en inglés tardo un rato en deixar de preguntarme por que o fan, e que están querendo dicirme. Necesito un esforzo para identificarme coas cancións, incluso cando me gustan. A ninguén máis lle chama a atención esa barreira de comunicación?

Evidentemente, sei que isto é problema meu e da miña maneira de escoitar música, pero é que me dá rabia que o inglés se metera na nosa maneira de vivir ata converter os barbeiros en barber shops, porque tamén fixo que cantar na lingua na que pensas non sexa unha opción natural. Primeiro habería que recoñecer o absurdo de todo isto. Logo de pensar cantas das nosas decisións artísticas as toma outra xente por nós, podemos atopar maneiras de reaccionar. En Verdade Tropical, a memoria de Caetano Veloso sobre o tropicalismo, Caetano propuña un método que non se me tería ocorrido para protestar contra a imposición do inglés: cantar en inglés. “Se nos bombardeaban todo o tempo co inglés, tiñamos dereito a usalo como puidéramos. Xa que as emisoras brasileiras puñan máis música en inglés que en portugués e os comercios o utilizaban nas súas embalaxes, eslógans e carteis, podiamos devolverlle ao mundo o noso inglés mal aprendido, e convertelo nun vehículo de protesta contra a opresión que él mesmo nos impuña.”

Utilizar unha lingua ou outra é así, seguramente, unha decisión política. Pero se o penso co galego, paréceme triste que usalo poida ser lido como unha toma de posición, ou un xesto de resistencia, antes que como unha cousa normal. Así que ultimamente celebro aos grupos que cambian de lingua (porque ningún cambia ao inglés) ou aos que as mesturan como lles cadra. Que quen non usa o galego para falar poida usalo para cantar é bonito. Xa o dixo Gloria Lago: “las lenguas son riqueza”. Pensando niso, a conclusión lóxica é pinchar unha canción dos Resentidos que vén dicir o mesmo: “o son da lingua é para gosar”.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s