Un tema e un tema #1: Canción política e “Sta. Uxía” de Emilio José

emiliojose1-987x1024.jpg

Hai un ano empecei a colaborar con Onda Vital, o programa que dirixe Xiana Arias na Radio Galega Música e no que podes enterarte de practicamente todo o que está pasando na música aquí e agora. Fago esta sección, na que falo dun tema (no sentido de tratar unha temática) e logo poño un tema (no sentido de canción). O que pasa é que hai algo de trampa, porque polo medio poño cachiños de outras cancións, así que me parecía ben xuntalas aquí para poder enlazalas con hipervínculos e que quen queira poida escoitar as seccións por separado. Aparte diso, teño moitas dúbidas sobre o meu traballo como locutor e por escrito poden funcionar ben tamén. Neste momento estaba volvendo dunha estadía na Universidade de Liverpool e lera “33 Revolutions Per Minute: A History of Protest Songs” de Dorien Lynskey (que me parece superinspirador). Así que tiña moitas ganas de participar activamente nalgo, pero sentíame no baleiro porque PORNO implosionara uns meses atrás e non tiña ningún grupo co que tocar. Que Xiana tivera interese por que eu puidera saír na radio, e ademais no programa que escoitaba morriñentamente no estranxeiro, deume moito ánimo e serviume para poñer en limpo unha serie de ideas. A sintonía é de Teo, e sei que sampleou aos MC5 pero é para min un misterio como conseguiu o resto de sonidos.

Os temas que pinchei: “Canción para la PAH” de Nacho Vegas, “A la guillotine!” de The Homens, “Billy Bragg” de Los Carradine e “Sta. Uxía”, de Emilio José, que está completa ao final do clip de Soundcloud. Todos temazos.

Para inaugurar a sección, hoxe vou falar de canción política. O outro día lin unha cita dun poeta ruso que dicía que sen forma revolucionaria non hai arte revolucionaria. E fíxome gracia porque cando estiven na presentación do último disco de Nacho Vegas, que se chama “Canciones populistas”, un amigo dixérame xusto o contrario; dixérame que a canción política debía utilizar formas populares, porque senón caería no elitismo, e perdería toda a súa utilidade se o que tenta é transmitir unha mensaxe revolucionaria.

A min este debate encántame, pero creo que ao mellor estaba ben pensalo doutra maneira, e non só falando desa relación entre forma e contido. Nese concerto de Nacho Vegas o público estaba entregado e entusiasmado, cantando esas letras cheas de ira contra as élites, e demandando máis xustiza social. Pero o problema que me planteaba todo isto non era se as cancións tiñan unha forma accesible: era quen escoita esas cancións, porque nun contexto no que todo o mundo está dacordo cunha canción protesta ten que haber algo que non funciona. ¿Hai utilidade en predicarlle aos conversos? ¿Ou o ideal sería que esas cancións se enfrontasen a un público que non estea concienciado sobre… o tema dos desafiuzamentos, por exemplo?

Creo que iso depende da intención que teña o artista político, e aquí vexo dúas tendencias. Primeiro, os que teñen unha intención puramente revolucionaria, de cambiar a sociedade, e despois os que, máis que querer cambiar a realidade, queren acompañala, relatala. Entón, a reacción á primeira intención, no mellor dos casos, sería un “Hostia, ten razón!”. A reacción á segunda será normalmente algo como “É xusto o que pensaba!”. Esta reacción pode potenciar actitudes que tiñamos dentro sen acabar de aflorar, e pode acelerar procesos, pero dificilmente servirá de chispa para que eses procesos inicien. E boto en falta iso.

Entón estiven pensando nas cancións políticas que me afectaron os últimos anos, e case todas serviron máis para reafirmarme en cousas que xa sentía que para cambiar o que pensaba. Ocórreseme primeiro “A la guillotine!” dos Homens, que falaba da posibilidade dunha revolta para rematar derrotados: “outra vez será o mesmo, os de sempre perderemos a cabeza para que todo siga igual”. É unha canción xenial, que dá palabras á miña frustración, pero déixame desanimado, feito polvo. Pásame ao revés con “Billy Bragg“, dos Carradine, que empeza falando das derrotas dos mineiros dos oitenta e acaba celebrando a resistencia dos catro gatos nun bar coreando consignas: “que no, que no, que no, que no pasará el gran circo liberal”. É máis ilusionante, pero tamén é triste porque non deixa de ser a épica dos fracasados.

A miña reacción a esas cancións, igual que ás de Nacho Vegas, segue sendo a mesma: “É xusto o que pensaba!”. Entón seguramente esta perspectiva está ben cuberta. Iso está guai. Pero con todas estas cancións vexo o inimigo fóra, lonxe, no gran circo liberal. Encantaríame escoitalas nun contexto masivo que poida chegarlles a eses inimigos, no prime time, no Luar! En calquera onde choquen con alguén. Pero nos contextos minoritarios boto de menos cancións que me fagan sentir o inimigo dentro, boto de menos artistas facendo o que Das Kapital dicían que pretendían cos seus concertos: “poñer á xente durante 40 minutos fronte a si mesma”. E o exemplo máis claro diso que atopei, o músico que máis me pon fronte a min mesmo, é Emilio José. Escoitándoo dáme a sensación de ser, no mellor dos casos, un iluso ou un inútil, e no peor, de ser igual de responsable que calquera en manter o estado das cousas. Cando en “Sta. Uxía” describe aos nacionalistas urbanitas cun estilo de vida discretamente radical, sinto que o que necesito non son cancións protesta coas que identificarme, senón exactamente isto: cancións protesta que se queixen de min.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s