Radar: festivais

ortigueira.jpg

Rescatei este artigo da sección que facía para Tempos Novos (é de xullo de 2015) porque me fixo gracia ler o principio: non me lembrei ata ler un pouco de que amiga nin de que festival estaba falando. O tema dos abusos que os festivais fan da xente é recurrente, e as últimas veces que se falou diso no meu entorno era máis ben pola perigosa distancia entre voluntariado e explotación, sumado ás implicacións de que haxa carto público. Aquí, varias cousas, non só xestión. Como detalle gracioso que dá o paso do tempo, poño de exemplo ao All Tomorrow’s Parties, que a día de hoxe colapsou con impagos e máis exemplos de facer as cousas terriblemente mal.

1.

Hai pouco, unha amiga estivo colaborando coa organización dun festival, e como chega o verán pois podemos falar de festivais. Vendéronlle ben a cousa: organizar unha feira dentro dun proxecto cheo de eventos por toda a cidade, poder facelo en parcería co colectivo do que fai parte… rematando cun “non facemos isto con ánimo de lucro, nós tamén perdemos cartos”. Así que, se podes, traballa gratis. Se podes, trae grupos gratis ou sen que poidan cubrir os gastos. Logo viunos saíndo pola televisión e atopou a programación do festival dentro das festas do concello, con carto público a varrer. Normalmente non se sabe ben de onde vén todo o presuposto dos festivais nin en que gastan os cartos. Non teño ningún dato moi rigoroso, senón unha acumulación de experiencias que diferentes persoas me teñen comentado. E parece ser habitual que haxa voluntarios facendo exactamente o mesmo traballo que contratados, que se contrate a grupos pequenos por practicamente nada porque “tocar aquí é unha oportunidade”… En xeral, pode ser simplemente outra mostra máis de que o capitalismo e a arte non combinan ben. Nalgúns casos simplemente será unha maneira errada de xestionar uns recursos, noutros máis ben falta de vergoña para vender unha serie de valores (“apoiamos a escena local”, “promovemos as relacións interartísticas / o pensamento de vangarda / a conexión co espazo / o que sexa”) que están ben vistos en cada momento.

2.

Con todo, iso non deixa de ser teoría. Quizais hai que ir un pouco máis lonxe e pensar cales poden ser modelos de festivais, e dentro diso non participei en moitos e os que vin como público non son tantos como para expoñer algo máis que ideas. A min gustaríame que se tomase a programación dun festival como algo máis parecido a un comisariado artístico que á programación dunhas festas. Por iso estou pensando máis en festivais con vontade artística que en festivais con vontade de festa. Creo que o ideal sería organizar algo arredor dunha idea forte e clara e construír todo en relación a iso dunha forma coherente. Tentar que os grupos, os espazos, os horarios, os servizos e calquera detalle apoie ao concepto xeral. Un exemplo podería ser All Tomorrow’s Parties, no que nunca estiven (pero vin a película). Cedíase o comisariado do festival a un artista, que seleccionaba os grupos (exemplos: Mogwai, Shellac, Sonic Youth, Slint, Vincent Gallo, Sleater-Kinney, Matt Groening). O público e os artistas durmían en habitacións ou bungalows (facíase nunha antiga colonia de vacacións) e tocaban ás veces nos escenarios, pero tamén onde lles cadraba. No xardín, na praia, nas habitacións. Este festival leva tempo tendo problemas económicos (xa pasaron por distintas cancelacións), e probablemente non sexa todo tan bonito como o pintan, pero é unha boa idea. Outra, quizais, o Primera Persona de Barcelona (neste si que estiven, unha vez). Organízano os escritores (e xornalistas) Kiko Amat e Miqui Otero, e teñen como fío conductor o traballo coa propia experiencia. Dentro diso, participan autores, sexan músicos, cómicos, novelistas ou o que lles cadre. E son forzados a facer algo novo, non simplemente a reproducir o seu setlist ou espectáculo habitual. Trabállase cara a procura de algo único e non da repetición, e iso é algo a valorar.

3.

Na práctica, para min un problema como público é a acumulación. Teño estado en festivais cunha oferta descomunal e inabarcable, con catro ou cinco cousas sucedendo ao mesmo tempo. Dentro diso, nalgúns había (ou parecía haber) público en case todas esas cousas. Noutras non. É difícil manter esa coherencia da que falaba se se empezan a engadir e engadir nomes e actividades ao cartel. Para as bandas é triste tocar nun escenario pensado para un aforo de 5000 persoas cando hai 200 (cando nunha sala habería outro ambiente). Ser un bo público precisa de enerxía, e se a experiencia dun festival implica horas de camiñata (interna ao festival ou para ir a zonas de acampada) é difícil mantela, deixando aparte o factor drogas, que aí alá cada quen. Algúns imos atraídos pola idea que sitúan na nosa cabeza os nomes que imos ver e coas orellas abertas para descubrir outras cousas, pero ao final é complicado ver o que querías nunhas circunstancias aceptables (minimamente preto, concertos completos, cunha audiencia respetuosa). Antes do último Primavera Sound vía novatos preguntando no Facebook como organizarse e veteranos recomendando fuxir dos escenarios principais na medida do posible. O ano que fun perdinme varios concertos porque non sabía que había que facer cola para o aforo limitado do Auditori logo de ter entrado ao recinto.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s