Radar: provocar hoxe

miley-cyrus

Durante un ano e pico escribín unha sección mensual en Tempos Novos que se chamou Radar. Realmente eu mandei este artigo poñendo en relación unhas cantas cousas arredor da idea de provocación e cando o vin na revista a sección chamábase así e o meu título desaparecera. Pero bueno, tanto ten, sempre puiden dicir o que me apetecese.

Aparentemente, vanse incluír na nova Lei de Seguridade Cidadá, dentro das infraccións graves, as “ofensas a España”. Hai meses, falábase da intención de que, en Galicia, a Lei de Espectáculos Públicos e Actividades Recreativas sancionara “a falta de respecto ou provocación intencionada do artista cara ao público con risco de alterar a orde”. Se aceptamos a represión como función básica do Estado, é curioso ver que entre as súas preocupacións se atope a de que os artistas provocadores poidan alterar a orde. Que preocupe a capacidade deses espectáculos para alterar algo hoxe, que semellan menos perigosos ca nunca. A subversión dos símbolos de España pode ser entón tan necesaria como a subversión dos símbolos dos espectáculos pop. Só que unhas normas as fai un goberno e as outras non se sabe.

O último gran escándalo no mundo pop parece ser Miley Cyrus fumando un porro na gala dos MTV European Music Awards 2013, un máis na súa lista. Videoclips nos que sae cada vez máis espida: a aberta sexualización da súa imaxe logo de ter sido Hannah Montana para Disney. Declaracións sobre as súas drogas preferidas (MDMA si, cocaína non, que é a droga dos noventa). Algo como o que pasou antes con Britney Spears (comparten manager). As drogas e o sexo implican unha perda de control sobre un mesmo, e iso remite á autenticidade que os ídolos pop deben transmitir ó seu público (tamén aquel Melendi bébedo nun avión). O que quizais marca a diferenza con respecto ás provocacións anteriores é a autoconsciencia. Provocar hoxe parece, máis que nunca, unha referencia pop, unha posta en escena das provocacións anteriores, nun momento no que todo vai máis rápido, rexido polo ritmo da cultura visual dixital. O experto Andrew Darley di que nela a forma predominante é a das artes ornamentais, con tendencia a poñer o énfase sobre “a forma, o estilo, a superficie, o artificio, o espectáculo e as sensacións, atenuando a importancia do significado e fomentando a inactividade intelectual. (…) As súas formas diríxense a producir un efecto inmediato e efémero.”

Así, podemos pensar na provocación como unha cuestión que xa non ten significado; puramente estética. Distinta dende logo das do rock and roll clásico: a censura impedía amosar a Elvis por debaixo da cintura, quizais porque a súa pelvis si podía alterar a orde, aínda que non fora algo voluntario (él sempre foi un bo cristián, un bo americano). Non era igual a provocación dos punks, pensando na de Johnny Rotten. Nese caso, había tamén autoconsciencia, pero nun momento no que, como escribiu Greil Marcus, o rock and roll xa fora “ideolóxicamente autorizado como a excepción que confirma a regra da monótona conduta que impregna a vida social” e pasara a converterse “na engranaxe máis lustrosa da orde establecida”. Rotten subvertía esa orde subvertindo o rock and roll. Hoxe, a provocación pode aspirar, como moito, a ser divertida, a ter ese efecto inmediato e efémero:o propio umbral da polémica está gastado. Debemos alegrarnos? Probablemente é bo que certos tabús sexuais xa non teñan sentido, pero ó mesmo tempo é unha mágoa que a capacidade subversiva do espectáculo desaparecera.

las-vulpes

Poden as leis xulgar o que é irónico e o que non? Se vivimos nunha época irónica, debemos ter a responsabilidade de utilizar esa ironía para facernos máis libres, ó contrario desa cultura visual da provocación de Miley, que leva á inactividade intelectual. Hai trinta anos, o ABC publicaba a letra de “Me gusta ser una zorra”, a versión que as Vulpes fixeran do “I wanna be your dog” dos Stooges (paradigma da autenticidade autodestrutiva). Facíao nunha páxina titulada “Ya basta”, na que viñan dicir que a liberdade de expresión estaba moi ben pero que o importante era ser educado e correcto. Corrección política ante todo, non vaia ser que cambie algo. Educación no Parlamento e, ó final, educación no bar: “Como a liberdade de todos esixe un límite na liberdade de cada un, a lei fundamental española prevé os abusos que poden cometerse ó exercer os dereitos constitucionais. Así, no punto 4 do artigo 20 da Constitución establécense os límites á liberdade de expresión no dereito á honra, á intimidade, á propia imaxe e á protección da xuventude e da infancia.” O divertido do asunto, que rematou co peche do programa Caja de ritmos, foi que durante uns días os medios se viran obrigados a repetir esas palabras. Me gusta ser una zorra, me gusta ser una zorra. Imaxinar a cronistas indignados transcribindo a letra (na que chamaban “cerdo carroza” a Lou Reed, subvertindo referentes esgotados) é quizais un exemplo do marabillosas que eran épocas máis represivas.

Protexer á infancia e á xuventude? Ou protexer á sociedade adulta da infancia e a xuventude? Os impulsos subversivos do pop son sempre os impulsos da mocidade como clase, rebelde contra o que o mundo adulto lle impón. Xa en 1835 o crítico francés François Joseph Fétis defendía que a administración controlara ós músicos ambulantes pagándolles. Así, “en lugar de cantar a embriaguez do viño e a voluptuosidade das paixóns brutais, ensalzaríase o amor ó traballo, a sobriedade, a economía, a caridade, e por riba de todo o amor á humanidade.” Hoxe segue sendo molesta a música, o ruido, o falar, polo menos para aqueles que se esforzan en lexislar contra ela ó estilo do XIX. Madrid fará castings para controlar quen pode tocar na rúa e onde. A Asociación de Músicos de Madrid amósase, en principio, a favor, xa que en teoría só se quere determinar que quen pase a proba fai música e non ruido. Pasarían o casting os primeiros Beatles, aqueles que en Hamburgo tomaban speed e saían a tocar con tapas de váter ó pescozo? O ruido é molesto, pero tamén necesario. Calquera filtro é censura e represión. Se non queda a rúa, e logo tampouco as casas, volveremos ó comezo. Será mellor? A música como delito, a palabra como delito, o absurdo como lei. A paranoia dos lexisladores a prol da corrección pode traer de volta o umbral da provocación.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s