Entrevista a Telephones Rouges

telephones.jpg

Vista a día de hoxe, paréceme unha entrevista moi inocente.

Había alguén que dicía que só había dous tipos de música, a boa e a mala. Non sei se era Duke Ellington ou John Lee Hooker, pero en todo caso era negro. Despois lin algúns libros e vin que tampouco todo era visceralidade, que tamén había xente que facía discos moi bos porque era moi intelixente, como Brian Eno. Entón bueno, ó mellor hai dúas maneiras de facer música boa, dende a cabeza e dende o corazón. Os Telephones Rouges, por moi intelixentes que sexan, son tan incribles porque lles sae do peito. O bo de vivir tempos fodidos é que a todo o mundo se lle aceleran o corazón e as neuronas. Hai que vivir rápido e pensar rápido e ó mellor ata somos máis construtivos que co tema aquel de morrer xoven e deixar un bonito cadáver. Disenso non só é un disco xenial, é unha cousa que pode ser verdadeiramente importante na túa vida. Ten un son que che inunda como o do Exile on main street ou o Marquee moon, que parece que podes pasearte entre os instrumentos. Evidentemente, nunca sairá nas listas dos mellores discos da historia da Rolling Stone ou da Rockdelux, pero na miña si. E como está feito nestes tempos tan caóticos é unha expresión xenial das contradicións que hai. Entre o ruído e a melodía, entre a calma e a catarse, esa dúbida eterna entre se o amor é un sentimento máis potente que a rabia e o odio. Non sei, sentir cousas doe e á nosa xeración tocounos caer da parra. Pero ademais é que hai que falar do que é ter un grupo neste contexto, que moita xente non se dá conta de que dá traballo e Galicia é un país pequeno e temos a posibilidade de cambialo con guitarras eléctricas. Está moi ben que presten atención ós grupos de aquí, pero é que hai problemas estruturais gordos, como que non haxa xente nos concertos, que non haxa apenas locais comprometidos cos grupos ou con boas condicións para tocar, que non haxa cartos para nada. Hai que dar guerra.

– Como grupo nun contexto económico complicado, como vivides a relación actual da música co diñeiro? É posible existir e sobrevivir con independencia?

– Rubena: Está claro que, en xeral, o que facemos non interesa. Nin ós medios… e non digo como grupo, digo como escena entre comillas. E creo que unha rede de asociacións como o Liceo Mutante sería o ideal. Unha serie de locais que funcionen un pouco á marxe do ámbito mercantil, porque está claro que nese ámbito as condicións son pésimas na maioría dos casos. O trato tampouco é o mellor, e tampouco cremos que lles importe tanto a música a este tipo de xente. Experiencias como o Liceo, ou como foi a Casa das Atochas, son un trato coa música polo amor á arte, e ves que hai unha implicación que non se ve noutros lados. Estes sitios son a residencia dos nosos grupos. Está claro que non imos vivir disto, o que temos é que safar gastos e aforrar un pouco para o propio grupo, para poder mellorar o equipo…

– Pero como vos planteades o voso proxecto a nivel de continuidade? A nivel creativo, seguides necesitando cartos ata certo punto.

– Matitas Auch: Iso quero contestalo eu, porque sempre penso niso. Non é só os cartos en si, que evidentemente importan, pero que veña xente ós concertos é interesante. Eu vou tocar e vexo unha sala repleta de xente, de cento cincuenta ou cen persoas que van verte a ti, e iso é algo, máis alá de estar facendo cartos, que motiva. Para estar diante de dez persoas, como tamén nos ten pasado e a moitos grupos, pensas que para qué.

– R: Claro, aí é onde nos poñemos a pensar cal é o debate. Estamos facéndoo nós mal ou pasa algo? Pode haber un punto intermedio.

– Xa, pero quen é o que está facéndoo ben? O que ten mil ou dúas mil persoas nos seus concertos, ata que punto é mérito seu?

– M: Home, hai un traballo detrás, é evidente.

– Alitos: Eu creo que tamén falta iso, un compromiso. Eu quero pensar que a xente pensa por si mesma, pero os medios tamén son necesarios en último caso.

– Quizais hai unha impresión moi distorsionada do que é estar nun grupo. O público quéixase de entradas moi caras cando son grupos da casa, pero é que non son conscientes do coste que hai detrás: gasolina, pagar o local, pagar o equipo, comer… Non sei se ese tipo de resposta vos xenera frustración.

– A: Eu coñezo xente que vai a concertos a miúdo, ou vai a festivais de cine… e que me comenta “non, é que neste bar gústanme os concertos pero sempre son moi caros, valen cinco euros”. Hostia, tes dúas bandas, cinco euros, incluso unha é de fóra. E tes que pagar a furgo.

– M: Pero tes que pagar o cubata de Ruta, que é alcohol que non é real.

– Foso Común: É que iso tamén depende do interese social pola cultura.

– R: Hai un problema estrutural clarísimo.

– E por onde pasan as solucións a ese problema? Como mellorar a resposta á música na base?

– R: Falta, sobre todo, eu creo que educación musical. Na escola pública a música está relegada a un papel terciario, ou máis. En Inglaterra os rapaces que van á escola rematan o instituto e saben tocar piano e guitarra. E están nunha relación coa música moito máis presente. Nós sempre levamos a música ó ocio. En lugar de facelo o principal, facémolo o outro, cando realmente debería ter un papel primario.

– M: Hai un grupo de músicos que queren divertir á xente nas cidades ás que van a tocar. Iso podía ser un traballo máis que digno. Están divertindo a xente que despois de currar no seu teñen ganas de, non sei, de disfrutar con algo. E iso leva un traballo detrás. Personalmente estou a favor de que se cree unha infraestrutura. E de que a infraestrutura artística, musical neste caso, sexa unha que funcione. Que ás bandas se lles trate como deben. Outra cousa é que non me guste como se fai, de que o 80% o leve un por poñer a cara bonita e o resto leven cinco euros de vez en cando.

– F: Isto ten unha visión social moi desfavorable nese sentido. De falta de seriedade, de farra, de farándula e de ocio. Cando hai todo ese traballo detrás por tocar menos dunha hora diante de pode que moi pouca xente, e matándose a ir e vir a moitos sitios.

– R: Ter unha infraestrutura detrás estaría de puta madre, pero claro, sen ter que prescindir de nada do que facemos. Sin vendernos, aínda que fora minimamente. Pero claro, que infraestrutura e que negocio? Porque o negocio da música é tan sumamente perro, os entresixos que hai… Eu creo que igual non nos compensaba. Estaríamos puteados igualmente. Estas bandas grandes, porque é a súa forma de vida e non coñecen outra, pero realmente hai aí fíos que se moven por detrás que fan que a min non me gustaría estar nese mundo. Polo pouco que chegou ós meus oídos, vaia.

– A raíz da separación de Nadadora, Javier Becerra comentaba no seu blog que non conseguiran o son que querían ata o seu terceiro disco, pero que iso lles supuxo unha inversión que aínda estaban lonxe de amortizar. Non sei se iso ilustra o nivel de compromiso necesario para sacar adiante unha banda a día de hoxe.

– M: O último disco, que cremos que é o mellor que fixemos ata agora, é evidente que é o que máis diñeiro e tempo supuxo.

– R: Home, mirando ós bluesmen de Estados Unidos, cantos anos estiveron por aí de vagabundos, de local en local… Pero por unha parte igual non nos interesa tanto ese ritmo de vida e por outra igual somos máis conservadores nese sentido.

– F: Si, seguramente.

– A: En América teñen ese espíritu, pero nós os europeos, cada uno su carrerita y la música como hobby.

– R: Non arriscamos o suficiente, é outra cousa que está moi fodida. É iso que falabamos antes. Non hai unha conciencia cultural, isto está sumerxido. E con cada lei que sacan tentan cargarse o pouco que hai… está clarísimo que o deixan ver. É o pensamento xeral, canto se falou das subvencións ó cine e logo a dar cartos a mansalva ós bancos… E eu, con respecto ó sistema de subvencións que houbo ata o tema da crise, Zapatero e bipartito galego, estou completamente en contra porque é clientelar. Pero claro, para sacar adiante este tipo de propostas musicais, cinematográficas ou o que sexa é necesario que haxa un investimento público.

– Un país non só pode presumir, pode exportar cultura.

– R: Un país sen cultura non é nada.

– F: Sol y playa, é o que é. É o que queren que sexamos. É o que levamos sendo sempre. Sol y playa. Turismo…

– R: Mira, aínda hai pouco saíu na prensa que en Vilagarcía de Arousa van empezar a cobrarlle ás bandas polos locais de ensaio que se pagaron con cartos públicos, que pagou a Xunta… Aí está o que pretenden coa cultura, relegala ó ocio, ó que queda despois de quitarlle todo o demais. Á merda, ó lixo, ó prescindible, vaia.

– Meténdonos algo máis ó disco, percíbese como moi vinculado ó seu tempo. Hai referencias constantes ó contexto de crise. Como vos afecta a nivel creativo? Os outros discos eran máis abstractos e atemporais.

– M: Non é intencional, non era algo conceptual, pero creo que sae natural entre nós.

– R: Eu estou dacordo, é algo inherente ás nosas formas de pensar agora mesmo e concebir, precisamente porque como estás inflúe moi directamente.

– A: Sempre fomos seres politicamente activos, e sentímonos identificados co tema. Simplemente ó mellor agora tentamos reflexalo máis nas letras. Non é algo premeditado, aquí cada un escribe a súa letra, con liberdade.

– R: Hai un traballo, primeiro, que parte da individualidade, logo traese ó ensaio e aí moldeámolo. Pero iso, somos un grupo, tentamos funcionar democraticamente. E por iso, de aí xorden tamén os desencontros, as diverxencias, que creo que tamén ese punto de oposición está algo presente no disco.

– A: Eu diría disensos, e xa quedaría…

– R: O que está claro é que ningún dos Telephones Rouges, ningún dos catro somos peóns para estar aí e tocar o que nos digan. Os catro temos unha parte creativa e polo tanto temos diverxencias e tentamos achegarnos todo o posible.

– Hai moitos máis matices a todos os niveis, da composición ó son. As letras poden ser máis reflexivas pero tamén máis viscerais, a música pasa da calma á violencia… Como traballastes as cancións?

– M: Para min o principal cambio que houbo neste disco, que está moito máis que nos outros, é a dinámica. As partes suaves e fortes, os cambios de ánimo na música conseguimos reflexalos moito mellor, baixo o meu punto de vista.

– A: É produción e interpretación. Nos concertos supostamente tamén tentamos iso, e a xente di “Ostiá, subides-baixades, subides-baixades…” Non só imos gravar un disco que sube e baixa.

– R: E sobre todo tamén melloramos moito as voces. Deron un salto cualitativo moi importante.

– Non sei se vedes Disenso como iso que se chama “disco de madurez”, aínda que sexa un disco de espírito xoven e o voso primeiro LP…

– R: Algo de madurez si que creo que alcanzamos. Home, levamos cinco anos, era o primeiro grupo para todos… Comezamos dende cero todos e creo que alcanzamos un momento de compenetración e de saber máis ou menos o que buscamos que se reflexa na música. E tamén escoitamos moita máis música, cambiou bastante o noso xeito de tocar, o noso xeito de compoñer… Todo iso está reflexado. E de feito, como di Matías, é superimportante o da dinámica, conseguimos traballar as intensidades das cancións, que era algo que nos anteriores discos non estaba.

– O son do disco chama moito a atención pola calidade e a profundidade… Tivo moito que ver o traballo técnico no resultado final do Disenso?

– M: Gracias á preprodución non houbo case pospro. Como gravamos en directo e foi moi natural non tivemos que maquear demasiado e poñer oitocentas guitarras para que pareza que hai unha orquestra aí sonando. Eu, o rollo My Bloody Valentine de facer dezanove meclas dun mesmo disco, paso.

– F: O máis intenso foron os días antes de entrar no estudo, que foi adicarse a tocar oito horas todos os días que se puidera para rematar todo, sudando mañá e tarde, quedando coa roupa pegada coma se fose unha pel… vamos, tal cual obrero, puro y duro. Todo o que houbera que adicarlle había que adicarllo e alí estábamos.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: